SOMM TALENT FP 2026
O Somm Talent FP – Campionato Internacional de Novos Talentos de Sumillería, Premios Suso Domínguez, organizado polo noso centro, xa ten vencedores tras dúas intensas xornadas de competición.
O primeiro premio viaxou este ano a Asturias. Borja Morgado Blanco, alumno do CIFP de Hostalería e Turismo de Xixón, proclamouse gañador desta duodécima edición. O segundo posto foi para Pedro Conesa Martínez, do CIFP de Hostalería e Turismo de Cartaxena, e o terceiro quedou na casa, con Elías Casás Casal, estudante do CIFP Carlos Oroza.
A final, celebrada no Auditorio da Cidade Infantil Príncipe Felipe, puxo a proba aos semifinalistas con desafíos de velocidade, servizo de viño e demostración de estilo e profesionalidade, ante o xurado presidido por Xoán Cannas e integrado por recoñecidos profesionais do sector como Tomás Ucha, Mario Ayllón, Paco López o Ebelia Mora.
O evento contou ademais coa presenza do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e da directora xeral de FP, Eugenia Pérez, quen destacou o alto nivel do alumnado participante e o valor deste campionato como espazo de aprendizaxe e proxección profesional.
Queremos agradecer a todos os centros que participaron en esta XII edición do Somm Talent FP. Desde Galicia participaron o IES Sanxillao, CIFP Fragas do Eume, CIFP Compostela, IES de Foz, CIFP Manuel Antonio, CIFP Paseo das Pontes, CIFP de Vilamarín e o propio CIFP Carlos Oroza. Do resto de España sumáronse a Escola de Hostalería Gamarra, o CIPFP Camiño de Santiago, o CPIFP Furtado de Mendoza, o CIFP San Cristóbal, a Escola de Hostalería e Turismo de Barcelona e o CIFP Juníper Serra de Mallorca. Completaron a representación internacional a Escola de Hotelaria e Turismo do Douro-Lamego, a Escola de Hotelaria e Turismo do Porto e a Escola de Hotelaria e Turismo de Viana do Castelo.
O campionato volveu demostrar que é moito máis que un concurso. É un espazo de encontro entre centros, un escaparate para o talento novo e unha experiencia formativa real para o alumnado de servizos en restauración. Con doce edicións celebradas, o campionato reafirma o seu obxectivo: poñer en valor a profesión de catadora, prestixiar as especialidades de servizos en restauración e ofrecer ao alumnado un escenario real onde demostrar que a excelencia tamén se aprende. Vémonos na vindeira edición!
