Saltear al contenido principal

CIFP Carlos Oroza

O centro

O CIFP Carlos Oroza é un centro educativo público de Formación Profesional especializado en hostalaría, turismo e industrias alimentarias, situado en Pontevedra, pertencente á Rede de Centros Integrados de Formación Profesional da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.

O centro abriu as súas portas en 1996 como Instituto de Ensino Secundario, dentro do complexo educativo e asistencial Centro Príncipe Felipe de Pontevedra. En 2004 transformouse en Centro Integrado de Formación Profesional, e, no ano 2022 incorporouse á Rede Estatal de Centros de Excelencia en FP do Ministerio de Educación e Formación Profesional, no ámbito da hostalaría.

Como Centro Integrado, ofrece ciclos formativos de grao básico, medio, superior e cursos de especialización da familia profesional de Hostalaría e Turismo e Industrias Alimentarias, nas modalidades de FP Dual Xeral e Intensiva; certificados de profesionalidade; e o procedemento de acreditación de competencias profesionais por experiencia laboral (ARA). Desenvolve liñas de traballo en innovación, internacionalización, emprendemento e orientación profesional no marco do Plan FPGalicia 2030 e FPGal360.

Situación

O centro está situado na zona periférica de Pontevedra, dentro da Cidade Infantil Príncipe Felipe, nun espazo tranquilo e ben comunicado co núcleo urbano. A proximidade ao Hospital de Montecelo facilita o acceso e as conexións co resto da cidade.

A nosa ubicación é estratéxica. Estamos a poucos minutos do centro de Pontevedra e preto das comarcas do Morrazo e do Salnés, dúas zonas cunha forte actividade turística e gastronómica. Isto tradúcese nunha alta demanda de profesionais formados en hostalaría e turismo, e nunha relación directa co tecido empresarial que precisa perfís técnicos cada vez máis preparados.

A realidade é clara: o sector necesita talento cualificado, e a formación especializada que ofrecemos responde exactamente a esa demanda. Aquí é onde o alumnado se forma para entrar nun mercado laboral dinámico, esixente e cheo de oportunidades.

Acceso

O CIFP Carlos Oroza está ben comunicado coa cidade de Pontevedra mediante transporte urbano. Existe unha liña de autobús entre o centro da cidade e o Hospital de Montecelo, situado a poucos metros do noso centro.

Esta liña sae da estación de autobuses e realiza paradas na Praza de Galicia e na zona situada detrás do Hospital Provincial. Os horarios poden consultarse na páxina web da compañía de transporte en www.monbus.es ou no teléfono de información 902 29 29 00.

Ademais, existe unha liña específica denominada «Príncipe Felipe Escolar» que sae tamén da estación de autobuses de luns a venres, pensada para facilitar o acceso ao complexo no que se atopa o noso centro.

O CIFP Carlos Oroza forma parte dunha edificación situada na Cidade Infantil Príncipe Felipe, na avenida Montecelo nº 16.

Resumo de privacidade

Esta web emprega cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerte cando volves a nosa web ou axudar ao noso equipo a comprender qué seccións da web encontras máis interesantes e útiles.