Saltear al contenido principal

INNOVAOROZA

A traxectoria do CIFP Carlos Oroza amosa un compromiso firme coa innovación. Como Centro Integrado de Excelencia en FP, promovemos proxectos que melloran a formación e responden ás necesidades reais do sector.

No Plan Estratéxico do CIFP Carlos Oroza sempre figurou como obxectivo fomentar e planificar actividades de innovación educativa, tecnolóxica, metodolóxica e dixital. Facémolo para ampliar o currículo formativo do alumnado e xerar aprendizaxes reais cun enfoque de retos e traballo en equipo.

Como Centro de Excelencia estatal de Formación Profesional na familia profesional de Hostalería e Turismo, esta liña de traballo intégrase no noso Plan Funcional e no marco de calidade EQAVET. Non é un extra. É parte do modelo de centro e do que nos comprometemos a medir, mellorar e consolidar.

Desde o ano 2012 desenvolvemos proxectos de innovación de forma continuada, na maioría dos casos como centro coordinador, e tamén como centro colaborador en iniciativas lideradas por outros centros de formación profesional.

Esta é a nosa traxectoria en proxectos de innovación tecnolóxica ou metodolóxica na FP como centro coordinador.

2024: COMIDA SALUDABLE A TODAS HORAS

Neste proxecto de innovación deseñouse a oferta gastronómica e adaptouse para unha máquina expendedora de comida de V gama, elaborada con produtos de cercanía e productos DOP ou IXP da nosa comunidade autónoma. A oferta está adaptada a embalaxes de diferentes tamaños respetuosos co medio ambente y a máquina está programada para que rexenere por sí misma o produto. Deste xeito, temos a oportunidade de que os usuarios da máquina expendedora teña nao seu alcance unha comida equilibrada, con produtos de cercanía, lista para tomar quente a calquera hora ou para levala e consumila noutro lugar.

Enlace ao proxecto

https://comidasaudable.gal/o-proxecto/

2024: SERVICIOS 5.0

O proxecto Servicios 5.0 consistiu no deseño e posta en marcha no CIFP Carlos Oroza dun laboratorio para as especialidades de barismo, coctelería, mixoloxía e un espazo específico para a formación en sumillería. Con este espazo preténdese espertar as vocacións no alumnado dos ciclos de servizos en restauración, brindándolles a oportunidade de especializarse nesas áreas da súa especialidade.

Neste proxecto plantéxase o desenvolvemento de propostas de innovación e investigación educativa e creación de novas prácticas en competencias no desenvolvidas no currículo dos ciclos, que melloren a ensinanza por parte dos docentes, e se mellore o proceso de aprendizaxe do alumnado de servizos en restauración.

Acceso ao proxecto

https://servicioscincocero.com/

2023: OROZALAB:PRODUTOS CULINARIOS LIOFILIZADOS 6ª GAMA

O proxecto busca revolucionar o mercado alimentario mediante a creación dunha liña de produtos liofilizados, ofrecendo alternativas saudables, naturais e de longa duración sen conservantes artificiais. Desenvolvido en colaboración entre centros educativos, empresas e entidades de investigación, analizáronse diferentes produtos para determinar os parámetros óptimos de liofilización, asegurando a mellor calidade e conservación dos alimentos. As probas realizadas incluíron froitas, cremas, caldos e outros produtos gastronómicos, cunha boa aceptación dos consumidores. Ademais, creáronse «kits» de produtos liofilizados para a súa avaliación e testeo. O proxecto destaca polo seu impacto positivo na alimentación saudable, sostibilidade e innovación gastronómica.

O centro colaborador foi o CIFP A Granxa e as empresas colaboradoras foron o restaurante Culler de Pau e a Misión Biolóxica de Galicia.

2022: OROZALAB – PRODUTOS V GAMA LIÑA GOURMET

O proxecto de innovación educativa “OrozaLab – Produtos V Gama Liña Gourmet” foi premiado na convocatoria da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. O seu foco é o desenvolvemento técnico de elaboracións de V gama en liña gourmet, integrando deseño de produto, estandarización de procesos e control de calidade ao longo de toda a cadea.

No proxecto abórdanse, de forma aplicada, aspectos como a selección e adecuación de materias primas, formulación e escalado de receitas, métodos de cocción e estabilización, envasado e etiquetaxe, e determinación de condicións de conservación e vida útil. Incorpóranse tamén criterios de seguridade alimentaria e hixiene, trazabilidade, control de temperaturas e verificación de puntos críticos, co obxectivo de garantir reproducibilidade, calidade sensorial e seguridade do produto final.

A metodoloxía de traballo baséase en retos e validación iterativa mediante probas e rexistros, favorecendo a toma de decisións técnicas e o traballo colaborativo. O proxecto reforza a transferencia á práctica docente e a conexión coas necesidades reais do sector, consolidando unha liña de innovación aplicada no ámbito da transformación alimentaria.

2021: ESPAZO DE TECNOLOXÍA APLICADA OROZALAB

OrozaLab é o Espazo de Tecnoloxía Aplicada do CIFP Carlos Oroza. Funciona como contorno de aprendizaxe avanzada e de innovación aplicada para deseño, prototipado e validación de procesos e produtos no ámbito da gastronomía e a industria alimentaria.

O espazo permite traballar con metodoloxías baseadas en retos, con enfoque técnico e trazable. Integra estandarización de procesos, control de calidade, seguridade alimentaria, análise sensorial e desenvolvemento de produto, coa finalidade de mellorar competencias profesionais, transferir resultados á práctica docente e reforzar a conexión co sector.

2021: GASTRONOMÍA CIRCULAR

Proxecto de innovación educativa “Gastronomía Circular” premiado en convocatoria do Ministerio de Educación. Este proxecto busca unir a gastronomía das comunidades vasca e galega coa economía circular. Por unha banda, desenvolvendo dous hortos escolares gastronómicos, transferindo o coñecemento e as experiencias adquiridas por cada centro, propondo e desenvolvendo melloras, tanto nos propios hortos, como na súa consideración como espazos docentes para concienciar ao alumnado sobre a economía circular, a compostaxe, reducir a pegada de carbono, valorar o produto local e de tempada, entre outras experiencias. Doutra banda, desenvolvendo unha investigación sobre os seus patrimonios gastronómicos, ligándoos a materias primas con selo de calidade garantido incorporándoos a receitas da tradición culinaria de ambas as comunidades potenciando o seu consumo e coñecemento entre o alumnado de tal forma que este sexa, no seu futuro profesional, o seu principal prescriptor no panorama gastronómico.

2020-2022: A MESA DO OROZA

Proxecto de innovación educativa “A mesa do Oroza” premiado en convocatoria da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Este proxecto foi desenvolvido finalmente no ano 2022 por mor da imposibilidade de facelo durante as restriccións implantadas nos centros educativos derivadas da pandemia. O proxecto desenvolveuse coa colaboración do CIFP Imaxe e Son de A Coruña, o IES Montecelo e o IES Miguel Angel González Estévez de Vilagarcía.

O resultado foron 6 programas de cociña orientados ao alumnado de primaria.

Youtube do Proxecto Blogue do proxecto

2020: ELABORACIÓNS DE PANS SAUDABLES EMPREGANDO SALES BAIXAS EN SODIO

Proxecto de innovación educativa cuxos principais obxectivos foron establecer os contidos de sal a engadir segundo o tipo de pan (hidratación, formado, tempo de forneado,…) e estudiar distintos tipos de sal baixos en sodio para empregar como sustituto do sal común.

2019: IMPRESORAS CARTESIANAS 4.0 DE GRAN FORMATO CON APLICACIÓNS GASTRONÓMICAS

Proxecto de innovación educativa “Impresoras cartesianas 4.0 de gran formato con aplicacións gastronómicas” premiado en convocatoria da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, cuxa finalidade foi construir tres impresoras para modelos en tres dimensións polivalente e de gran formato e aplicalo á fabricación de moldes, figuras decorativas ou decoración directa sobre pasteis, tortas ou pratos de presentación, así como o estudo de distintos materiais alimentarios e o seu comportamento.

2017: A NOSA CAMELIA, TAN CURIOSA COMO SABOROSA

Proxecto de innovación educativa “A nosa camelia, tan curiosa como saborosa” premiado en convocatoria da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Proxecto de innovación para a investigación, análise e aproveitamento da potencialidade da camelia, unha flor moi arraigada en Galicia, para obter como resultado unha gama de produtos turísticos e gastronómicos innovadores e moi orixinais, coa colaboración dos centros educativos de Pontevedra: CIFP A Granxa (elaboración de vermú e plantación de camelias), IES Montecelo (fixo todo o tráballo de packaging e merchandising do proxecto) e o CIFP Carlos Oroza (investigación das posibilidades culinarias da camelia, e deseño e posta en escea da actividade gastronómica relacionada co proxecto).

Web do Proxecto BLOGUE DO PROXECTO

2016: PONTEVAN: FP NA RÚA

Proxecto de innovación “PonteVan: FP na rúa”. Proxecto de innovación no que transformouse unha furgoneta nun vehículo de comida na rúa, coa colaboración dos centros educativos de Pontevedra: CIFP A Xunqueira (converteu a furgoneta en foodtruck), IES Montecelo (fixo todo o tráballo de serigrafía e imaxe corporativa do proxecto, ademáis da vaixela que se utilizou na posta en escea) , o IES Frei Martín Sarmiento, (fixo a análise nutricional da oferta gastronómica que se presentou) e o CIFP Carlos Oroza (deseño e posta en escea da actividade gastronómica do vehículo de comida na rúa).

Web do Proxecto BLOGUE DO PROXECTO

2015: INVESTIGACIÓN E DESENVOLVEMENTO DE NOVOS USOS CULINARIOS DA LAPA

Proxecto de innovación “Investigación e desenvolvemento de novos usos culinarios de lapa, patella spp”. Proxecto de investigación alimentaria sobre a lapa, desenvolvido en colaboración coa Cofradía de Pescadores San José de Bueu, a Universidade de Santiago de Compostela e a spin-off Tastelab, consultoría de base tecnolóxica orientada ao estudo de produtos. O proxecto versa sobre a investigación de formas de cociñado, envasado e comercialización da lapa.

Web do Proxecto

2015: OBTENCIÓN E CARACTERIZACIÓN DE FIBRAS VEXETAIS PARA SER UTILIZADAS COMO INGREDIENTE ALIMENTARIO

Proxecto de innovación sobre usos alimentarios “Obtención e caracterización de fibras vexetais para ser utilizadas como ingrediente alimentario” coa colaboración do IES Montecelo e PortoMuiños. Proxecto de obtención de fibras vexetais para usos culinarios para desenvolver “papel comestible” elaborado a base de fibras vexetais e algas mariñas.

Web do Proxecto

2014: OS PRODUTOS DE ACUICULTURA DE GALICIA, CIENCIA E GASTRONOMÍA

Proxecto de Innovación en Ciencia e Gastronomía dos produtos da acuicultura de Galicia, desenvolvido en colaboración co Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGaFA), a DOP Mexillón de Galicia, Clúster do Rodaballo de Galicia, Asociación de Produtores de Trucha, e a produtora e comercializadora de algas Portomuiños.

Web do Proxecto

2013: PARA TI, PARA MIN, PARA TODOS

Proxecto de innovación educativa “Para ti, para min…para todos”. Proxecto de innovación no turismo accesible, desenvolvido en colaboración coa Fundación ONCE. O proxecto trata da inclusión no eido da educación da formación en atención ao cliente e deseño de produtos turísticos para o turista con algún tipo de diversidade funcional.

2012: TURISMO ATLÁNTICO

Proxecto de innovación educativa “Turismo Atlántico” premiado en convocatoria do Ministerio de Educación consistente no intercambio de 12 alumnos e alumnas no desenvolvemento das súas prácticas en empresas entre o noso centro e o IES Virgen de la Candelaria de Tenerife, no que o alumnado puido apreciar as diferencias entre os tipos de turismo receptor, tipos de establecementos e de servizos turísticos e peculiaridades na atención ao cliente entre Galicia e Canarias.

Resumo de privacidade

Esta web emprega cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerte cando volves a nosa web ou axudar ao noso equipo a comprender qué seccións da web encontras máis interesantes e útiles.