Departamento de Relación con Empresas
A función principal do departamento de relación con empresas é coordinar a xestión e realización do módulo de FCT (formación en centros de traballo) nas empresas das familias profesionais do noso centro (Hostalaría e Turismo e Industrias Alimentarias).
Para contactar con este departamento deben facelo no seguinte correo electrónico:
relacionconempresas.cifp.carlos.oroza@edu.xunta.gal
O módulo profesional de FCT é un módulo obrigatorio que se desenvolve en empresas ou institucións en situacións reais de traballo, procurando aplicar e completar as competencias profesionais adquiridas no centro educativo, previamente identificadas entre as actividades produtivas do centro de traballo.
Calquera empresa interesada en ofertar prazas para a realización de prácticas debe facerse empresa colaboradora contactando coa xefa do departamento para recibir información sobre as condicións do convenio de colaboración, e confirmar a súa idoneidade segundo o perfil dos diferentes ciclos formativos. Deste xeito a empresa pasará a formar parte da listaxe oficial da Consellería de Educación da Xunta de Galicia a disposición do noso alumnado, quen solicita ao departamento as súas preferencias.
O departamento de relación con empresas está composto polos titores e titoras de formación en centros de traballo de cada un dos ciclos do noso centro integrado.

Competencias do departamento
a) Establecer as relacións para a concreción dos convenios ou acordos de colaboración coas empresas do ámbito socioprodutivo para a realización das actividades do centro integrado.
b) Establecer os convenios ou acordos con empresas, entidades ou institucións para a realización do módulo de formación en centros de traballo, informando aos titores e ás titoras de FCT e colaborando con eles.
c) Establecer os acordos con empresas para a transferencia de innovación tecnolóxica en colaboración coa coordinadora de innovación e formación do profesorado.
d) Detectar as necesidades formativas e de actualización de equipamentos do centro, a través do coñecemento da realidade empresarial da contorna socioprodutiva.
e) Asesorar, dirixir, controlar, supervisar e valorar as actividades levadas a cabo polas persoas responsables da titoría de formación en centros de traballo dos ciclos formativos.
f) Potenciar mediante a relación con empresas a inserción laboral do alumnado do centro.
g) Difundir e promover o coñecemento das cualificacións adquiridas a través da formación impartida no centro integrado entre o sector empresarial correspondente, favorecendo a mellora da calidade e da competividade do centro.
As empresas que precisen incorporar persoal profesional á súa plantilla, tamén poden comunicarnos as súas ofertas de emprego a través do departamento de Información e Orientación Profesional. Para tal fin deben contactar co mesmo a través do seguinte correo electrónico: orientación.cifp.carlos.oroza@edu.xunta.gal