Saltear al contenido principal

EMPRENDEOROZA

O CIFP Carlos Oroza asume como unha parte crave do desenvolvemento formativo do alumnado o achegamento ao emprendemento, o que é particularmente relevante para o ámbito no que se focalizan moitos dos ciclos formativos do centro. Todas estas actividades agrupámolas na denominación EmprendeOroza.

Algunhas das actuacións de apoio ao emprendemento asociadas á coordinación de emprendemento do centro e ás actividades desenvolvidas no módulo de Empresa e Iniciativa Emprendedora son:

Actuacións do Programa EduEmprende

O Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia eduemprende supón unha aposta clara e firme pola implantación na comunidade educativa dos niveis non universitarios desta cultura tan necesaria para mellorar a  competitividade das nosas empresas e a empregabilidade dos galegas e das galegas. Así mesmo, constitúese como o marco onde coordinar as sinerxias en materia emprendedora que actúen sobre o sistema educativo, ordenando e  planificando a súa aplicación.

O Centro participa das actividades enmarcadas no Programa, que poden consultarse na seguinte dirección web:

Programas Eduemprende

Neste sentido, O CIFP Carlos Oroza presenta todos os anos varios proxectos a este concurso, realizados polo alumnado no módulo de Empresa e iniciativa emprendedora. Este módulo ten como principal obxectivo a realización de proxectos empresariais nos que o profesorado trata de inculcar como valores principais a implantación nos mesmos dos ODS establecidos nas liñas de traballo do proxecto funcional.

Aula de Emprendemento

O CIFP Carlos Oroza foi seleccionado para participar na actuación Aulas de Emprendemento.

O programa Aulas de emprendemento na formación profesional ten como obxectivo a creación de aulas de emprendemento nos centros educativos públicos que impartan ensinos de grao medio ou superior de Formación Profesional co obxectivo de canalizar as iniciativas emprendedoras do alumnado, en particular do alumnado que está próximo a finalizar os ciclos. Deste xeito, preténdese facilitar a súa inserción e desenvolvemento no mercado laboral, tamén como traballadores por conta propia.

O CIFP Carlos Oroza conta, desde fai máis dun ano, cunha aula de emprendemento para a que se transformou unha das aulas dotándoa de instalacións e mobiliario apropiado para o desenvolvemento da creatividade, a iniciativa e o traballo en equipo por parte do noso alumnado.

Desde a súa creación desenvólvense nela diversas actuacións encamiñadas ao desenvolvemento das habilidades emprendedoras do alumnado.

Espazo de creatividade ReCreO

Contamos co espazo RECREO (Recuncho de creatividade do Oroza), no que o alumnado pode reunirse para desenvolver os seus proxectos e pode testear as súas ideas de negocio entre o resto de membros da comunidade educativa co fin de poder modificar, mellorar e aprender e, desta forma, validar ou non o que desenvolven en papel no seu plan de empresa.

Concurso EMPRENDEOROZA

Este concurso ten como finalidade premiar as mellores ideas de negocio nos proxectos do noso alumnado valorando o grao de innovación, a súa viabilidade e a presentación da idea por parte dos emprendedores.

Realízanse exposicións dos proxectos en casetas expostas nos corredores do centro educativo para que toda a comunidade poida valoralos e avalialos.

Viveiro de Empresas

O vindeiro curso, coa construcción do novo edificio, contaremos co viveiro de empresas, un espazo onde desenvolver e poñer en marcha un proxecto empresarial. É a referencia para o emprendemento na área de influencia. Nel coordínanse as accións formativas, tanto aquelas para realizar nos centros próximos como as de carácter xeral, que leven a cabo no centro de referencia.

PonteFP:Emprendemento

Actividade con carácter anual orientada ao profesorado de EIE, coordinadores de emprendemento e profesorado relacionado co mesmo de Pontevedra para a posta en común de experiencias, proxectos e boas prácticas nesta temática.

Outras actividades EmprendeOroza

Proxectos formativos de profesorado de Formación Profesional
Nos últimos anos desenvolvéronse proxectos formativos para profesorado de FP cuxo obxectivo era formar ao profesorado en metodoloxías áxiles para facilitar o desenvolvemento de habilidades emprendedoras no noso alumnado.

Xornadas de emprendemento
Desenvólvense cada curso charlas e mesas redondas con emprendedores que contan as súas experiencias e comparten co alumnado as dificultades que tiveron cando se iniciaron, e transmítenlles a paixón que debe acompañar a todo proxecto emprendedor.

Nos últimos anos buscouse resaltar o emprendemento feminino, realizando encontros, saídas formativas e campus vivenciais nos que as mulleres tiñan o papel principal e demostraban a súa fortaleza para conseguir os obxectivos que se marcaban.