
Na pel dos nosos devanceiros: a conservación da memoria
Hai 4000 mil anos, os nosos antepasados deixaron pegadas da súa presenza a través de enigmáticas figuras gravadas nas rochas, convertendo Campo Lameiro nunha das maiores concentracións de arte rupestre ao aire libre do continente europeo.
O alumnado de 1º Guía, información e asistencia turística e 2º Xestión de aloxamentos compartiron unha aventura singular e percorreron un camiño cheo de adiviñas, transportándose á idade de bronce e tentando discernir sobre cal das hipótesis pode estar máis cerca do que significan os petroglifos: Chamáns, guerreiros, cazadores…
O parque arqueolóxico de Campo Lameiro, memoria social de grupos humanos pretéritos das primeiras formacións sociais labregas, é amigo da RGPA, rede galega do patrimonio arqueolóxico, ademáis de ter sido recoñecido como itinerario cultural do consello de Europa, xestionado pola asociación internacional CARP, e integrado no itinerario cultural camiños de arte rupestre prehistórica.
Campo Lameiro é ademáis un centro de referencia para o estudo dos gravados rupestres, tendo como prioridade a conservación e protección dos petroglifos, e a investigación e divulgación, presentándoa ao público dun xeito rigoroso pero tamén ameno e atractivo.
De feito non fixemos so unha visita guiada, senón que tamén participamos dun obradoiro didáctico que nos aprendeu a coñecer a distribución deste espacio senlleiro, achegándonos aos petroglifos de Galicia a través dunha estratexia comunicativa chea de diversión, ideas, e sentimentos.
O cervo, icona natural e sobrenatural representada nos petróglifos, acompañounos como un cicerone durante toda a visita, desvelando algún dos seus segredos: variados deseños, cazoletas, espirais e labirintos do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, un lugar sen dúbida en Europa, de obrigada visita.