Memoria de mulleres
O CIFP Carlos Oroza, CIFP A Xunqueira, CEIP San Martiño de Salcedo, CEIP San Benito do Lérez IES Frei Martín Sarmiento, e IES Luís Seoane presentaron os traballos realizados co alumnado arredor da construcción da memoria das mulleres pontevedresas.
O CIFP Carlos Oroza presentou as entrevistas cos relatos de vida e fotografías dixitalizadas da vida das mulleres obreiras, alén das conclusións das tarefas que realizaban artesanalmente e que tamén foron trasladadas á visita guiada no barrio da Moureira onde nace a cidade.
O proxecto ten por obxetivo construir un fondo documental gráfico e audiovisual e unha enciclopedia virtual sobre a historia das mulleres de Pontevedra ao longo dos tempos, ademais de recoñecer a importancia do testemuño das mulleres pontevedresas para a comprensión da sociedade actual e de hai anos.
Na presentación das investigacións tamén se contou coa participación de Josefa Barcia, Ramona Domínguez e Esther Casalderrei, quen volveron contar a audiencia o proceso do lañado, encascado, salgado…todas cuestións que o alumnado de 1º GUIAT utilizou no roteiro : A Moureira. O mar, os oficios e as mulleres.
O noso agradecemento:
-Para todas as mulleres que nos abriron as portas a súa vida, que nos cederon fotografías persoais, e que sen coñecernos colaboraron co alumnado.
– A Olga de Etnoga, por compartir o seu traballo connosco.
– Á concellería de patrimonio por ternos convidado a participar, así como por ternos permitido escoitar a Montse Fajardo autora de Matriarcas e Gloria Lijó.
– Ao alumnado por interesarse e acercarse a descubrir o valor e importancia das mulleres que lles preceden, mulleres que nos tempos que corren son un exemplo de valor, esforzo, afán de superación e loita polas súas familias, alén da recuperación da historia oral a través das entrevistas como xeito de investigación.