II Xornada de Emprendemento
O 17 de marzo quixemos dedicar unha xornada especial ao arte de emprender, na que todo o alumnado dos segundos cursos do noso centro citábase no Auditorio da Cidade Infantil Príncipe Felipe para compartir os proxectos empresariais que traballaron durante o curso e coñecer verdadeiras historias de emprendedores da nosa contorna.
Xosé Alberte Cea, Orientador Laboral do concello de Vigo, abriu esta xornada para transmitir aos nosos alumnos, a importancia de proxectar unha boa identidade profesional na sociedade dixital, baseada en valores fundamentais coma a honestidade e a boa fe. Aproveitou a ocasión para inxectar nos estudantes de formación profesional, unha grande dose de esperanza na súa inserción laboral, aportando datos estatísticos esclarecedores desta realidade.
“Innovando dende a tradición” foi o título da mesa redonda na que participaron catro grandes emprendedores galegos, que nos regalaron as súas historias, os seus valores e as súas claves de éxito empresarial.
Anxo Puime ensinounos a través da súa cervexa artesá SARAMAGAL, que unha empresa non é algo estático, senón que debe reinventarse e estar continuamente alerta ás novas necesidades do mercado. “É un momento difícil para o noso produto, así que tivemos que dar un xiro importante”. Desexámoste moita sorte neste novo proxecto de cervexería que esperamos poder visitar moi pronto en Vigo !!.
Antón Ledo e as súas socias de Silvans S.C, elaboran “unha a unha” as galletas artesás XIANAS no concello de Taboada (Lugo). Na xornada, saboreamos os seus doces e acertados consellos sobre a importancia de valorar o noso, de estar onde queres estar, de saber identificar as oportunidades cando se estas se presentan,… e … ¿as galletas? pois boísimas!! Xa non queda unha!.
Tras 21 anos dende a creación de FOGAR DO SANTISO en Santiago, José Santiso explicounos o xiro que deu o restaurante. Un xiro, concretamente, de 360º!!! Restaurante ecolóxico, sustentable, escollidos produtores, valor dos seus residuos, xestión integral de cada acción do restaurante … Deixounos coa boca aberta e máis de un anotou na súa axenda Fogar do Santiso coma próxima visita.
E para rematar, Marta Iglesias, da empresa de ocio e aventuras PIRAGÜILLA (A Illa de Arousa) convenceunos de que o seu éxito está en saber mesturar o teu proxecto persoal co profesional. Piragüista, mariscadora e empresaria, pero sempre, sempre, emprendedora. Ademais da diferenciación do seu produto e da importancia que lle da á formación …. hoxe sabemos que o secreto está detrás do valor que lle da a cada unha das persoas que traballan na súa empresa.
Anxo, Antón, José e Marta MOITÍSIMAS GRAZAS por achegar ao noso alumnado as vosas experiencias no ámbito empresarial, cheas de moitísima ilusión e esforzo.
Dentro desta xornada tivo lugar a entrega de premios aos proxectos do II CONCURSO EMPRENDEOROZA, cuxa finalidade é fomentar o espírito emprendedor no alumnado do noso centro que está a piques de rematar os seus estudos. Este ano, o alumnado sorprendeunos cunha espectacular posta en escena dos seus proxectos empresariais que traballaron no módulo de Empresa e Iniciativa Emprendedora, e expuxéronnos a través de stands e elevator pitchs, onde demostraron ter unha moi boa visión empresarial, grandes estratexias de marketing e unha tremenda creatividade.
Noraboa a todos polo voso traballo e compromiso e, parabéns aos gañadores deste concurso!
Agradecementos moi especiais á profesora Maica Couto e ao seu alumnado de servizos que nos sorprendeu, unha vez mais, pola súa participación e profesionalidade.
Álbum II Xornada Emprendemento