Saltear al contenido principal

FITUR 2016, unha cita co sector profesional

Un ano máis, FITUR congregou en Madrid ás principais empresas e profesionais do ámbito turístico. Aproveitando este evento, o máis importante a nivel mundial do noso sector, o alumnado do CIFP Carlos Oroza trasladouse ata a capital acompañado por varios dos seus profesores e profesoras para así poder complementar a súa formación teórica cunha inmersión no ámbito profesional.

Así, os alumnos e alumnas dos Ciclos Superiores de Aloxamentos Turísticos e Guía, información e asistencia turística puxeron rumbo a Madrid o pasado xoves 21 de xaneiro, aproveitando a viaxe para realizar as funcións típicas dos guías correo, coordinando, asistindo e informando ó grupo.

Iso si, antes de asistir á feira tocou descubrir Soria e o seu impoñente legado romano da man dun guía oficial e, unha vez en Madrid, realizar unha panorámica para deleitarse cos numerosos atractivos da cidade. Xa na capital, a visita ó Museo do Prado fíxose obrigatoria para que o alumnado puidese pór en práctica os seus coñecementos de recursos turísticos e as súas habilidades comunicativas expoñendo ós seus compañeiros algúns dos cadros que conforman a colección da pinacoteca.

DSCN4530
O alumnado do Carlos Oroza na súa visita a Soria.

Pero non só os alumnos e alumnas de turismo foron a Madrid: os estudantes dos Ciclos de Cociña e Servizos tamén trasladáronse ata a capital aínda que o seu planning, foi, evidentemente, moi diferente: durante a súa estancia na cidade o alumnado preparou un servizo para 1.500 empresarios de Touroperadores no hotel Tower e, ademais, puido visitar as instalacións da empresa Heineken e comprobar o proceso de elaboración da súa cervexa.

IMG_20160201_182150
O alumnado de Cociña e Servizos no hotel Tower.

En definitiva, toda unha experiencia para o alumnado que, por uns días, abandonou a súa rutina no Carlos Oroza para descubrir de primeira man un mundo profesional que cada vez está máis próximo.

Álbum de fotos da actividade.

Resumo de privacidade

Esta web emprega cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerte cando volves a nosa web ou axudar ao noso equipo a comprender qué seccións da web encontras máis interesantes e útiles.