Edugal 2024: formación e talento en acción
Hoxe estivemos en Edugal, a cita máis importante do ano en Educación e Formación, e non podiamos faltar! Co noso stand, representamos ás nosas familias profesionais de Hostalaría, Turismo e Industrias Alimentarias. Foi unha xornada intensa, onde o noso alumnado demostrou unha vez máis a calidade do seu traballo e o noso lema: “aprender facendo”.
O stand estivo atendido polo alumnado de 1º curso do Ciclo Superior de Guía, Información e Asistencia Turísticas, con especialización en Enoturismo, que ofreceron aos visitantes unha experiencia cercana e profesional. Ademais, o noso alumnado de 1º Ciclo Medio de Servizos de Restauración e 2º Ciclo Medio de Panadaría foi o encargado de preparar un exquisito aperitivo que, sen dúbida, deixou unha pegada inesquecible entre os asistentes. A pesar do mal tempo, a acollida foi fantástica, demostrando unha vez máis a implicación e talento dos nosos rapaces e rapazas.
A nosa participación en Edugal reafirma o compromiso do CIFP Carlos Oroza coa formación de calidade e coa conexión directa co mundo laboral, demostrando que o esforzo e a implicación do noso alumnado son a clave do éxito. Se queres coñecer máis sobre as oportunidades que ofrecemos ou formar parte deste equipo de profesionais en formación, non dubides en visitar o noso centro e descubrir todo o que podemos facer xuntos.