
Día das Letras Galegas
Día de celebración, día de homenaxe á nosa lingua e a todos aqueles que axudaron a súa defensa e prestixio. Día das Letras Galegas. Día de festa e de recoñecemento ao autor Xosé María Díaz Castro. Día de música, teatro e xantar no Carlos Oroza e no auditorio da cidade infantil Príncipe Felipe, onde tiveron lugar diversas actuacións presentadas polos docentes Tareixa Casal e Jorge Verdeal.
Desta maneira, foi a música a que puxo o pistoletazo de saída aos diferentes actos que conformaban a xornada desta festividade, dirixida por Consuelo Vercher, a coordinadora do Equipo de Normalización Lingüística do centro. Música das nosas raíces, de gaitas e zanfonas acompañadas por refráns galegos postos en boca do grupo Os Carunchos. Despois viñeron as risas da man do grupo teatral A Panadaría, que coa súa obra “Pan pan”, unha parodia a modo de western, arrancaron gargalladas aos diferentes centros educativos que asistiron ao auditorio. Alumnado do IES Poio, do IES Frei Martín Sarmiento e do EPA Río Lérez; sen esquecer por suposto aos dous centros que, coa colaboración do Concello de Pontevedra, organizaron os actos do pasado Día das Letras Galegas: o CIFP Carlos Oroza e o IES Montecelo.

Un alumnado de diferentes idades e inquietudes pero cun só obxectivo: gozar desta festividade e reivindicar a nosa lingua. E por si alguén se perdía ou precisaba axuda alí estaban os estudantes de 1º do CS de Guía, información e asistencia turísticas, que se encargaron de recibir, acomodar e despedir aos asistentes.
Unha vez as 3 actrices do grupo A Panadaría abandonaron o escenario entre aplausos e aclamacións, volveron Os Carunchos para poñer fin aos actos do auditorio facendo o que mellor se lles da: tocar música tradicional galega. Pero os festexos non terminaban aí. Xa eran as dúas do mediodía e había ganas de comer, e nada mellor que facelo cun xantar moi especial chamado “Nimbos”, título da obra cimeira de Díaz Castro e que tiña como sobremesa un doce de merengue e azucre en forma de madeixa denominado Penélope, o poema máis famoso de Nimbos. Todo elo grazas ao alumnado do Carlos Oroza e aos profesores Daniel Pulzoni (encargado do deseño do xantar e docente no CS de Dirección de cociña), Carmen Alvite e Mar León (responsables do xantar e profesoras no CM de Servizos en restauración), José Luis e Consuelo Vercher (que deseñaron a tarxeta do convite) e Manuel Patiño e Jacobo Otero (encargados dos sobremesas e docentes no CM de Panadaría, pastelaría e confeitaría).

En definitiva, toda unha xornada dedicada a poñer en valor a nosa lingua e recoñecer o traballo do artista homenaxeado este ano, o escritor Xosé María Díaz Castro. Os deixamos co seu poema Penélope, debaixo do cal podedes encontrar unha ligazón para ver o álbum de fotos completo dos actos do pasado venres.
Penélope. X. M. Díaz Castro
Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!
DÍAZ CASTRO, José María, Nimbos, Vigo, Editorial Galaxia, 1961.