Clausura do curso con Javier Olleros
Peche do curso escolar coas promocións 2013-2015 do alumnado de todos os ciclos formativos da familia profesional de Hostalaría e Turismo, un acto que tivo como padriño de honra a Javier Olleros do Culler de pau, a única estrela Michelín da península de O Grove, e que traballa a prol dunha cociña atlántica que se nutre da man dos pequenos produtores que lle proveen cos ingredientes autóctonos.
Na súa intervención o grovense suliñou a importancia de saber destacar a materia prima que nos proporcionan os nosos mariñeiros, marisqueiras, xente do agro, e mesmo moitas pequenas empresas que procuran novas presentacións para os produtos da terra, innovando e sendo creativos, un dos alicerces que destacou como vital para imprimir un selo de identidade naquelo que facemos e presentamos aos clientes e unha máxima para todos os integrantes do Grupo Nove.
Olleros animou ao alumnado a ir paseniño a paseniño, a equivocarse, a arriscarse, e a ter maxín para innovar, lembrándolles que todavía lles queda moito camiño para aprender, que debían implicarse co entorno que lles rodea, e que cada persoa tan algo que aportar.
Durante o evento houbo actuacións do grupo de danza Va´Lontano, da que fora alumna Isabel Barría, e do grupo Chapapote Jazz que amenizaron o evento.
O alumno Jorge Redondo e Alexandre Moldes recibiron unha mención especial aos mellores expedientes académicos, tomando a palabra Alex, ao non poder estar presente Jorge Redondo por atoparse rematando o seu Erasmus en Croacia.
O director pechou o acto agradecendo ao alumnado e profesorado a súa implicación, convidándonos a esforzarnos por mellorar as cousas e deixar cadaquén a súa pegada naquelo que facemos no día a día.
O evento foi organizado polo profesor Jacobo Otero en colaboración coas profesoras Maica Couto na presentación e voz en off do acto e Consuelo Vercher na guionización.