Saltear al contenido principal

Erasmus Days Oroza 2026: descubrir Europa, compartir experiencias e abrir novas posibilidades

O pasado 14 de outubro, o CIFP Carlos Oroza celebrou os Erasmus Days 2026 cunha actividade dirixida ao alumnado de 2º curso interesado en coñecer de preto as oportunidades de mobilidade que ofrece o programa Erasmus+.

Un total de 36 alumnos e alumnas de ciclos medios e superiores participaron nun percorrido por catro propostas: Taste Europe, Ask Erasmus, Union of Skills e Discover your Mobility,  deseñadas para achegar o programa dunha maneira práctica, participativa e próxima.

A primeira parada, Taste Europe, permitiunos comezar a viaxe a través da gastronomía. O alumnado puido degustar elaboracións representativas de diferentes países europeos preparadas desde o centro: stollen alemán, panettone e maritozzi italianos, speculoos belgas, bolo de arroz e bolo de mel de Madeira portugueses, así como makovnjača e orehnjača croatas. A proposta completouse cunha referencia ao almorzo británico, con ovos revoltos e beicon.

Co seu pasaporte Erasmus Days Oroza na man, os participantes continuaron o percorrido por Union of Skills, un espazo no que puideron sinalar os destinos europeos que máis lles atraen e relacionar a experiencia Erasmus con palabras como oportunidade, futuro, traballo, idiomas, aprendizaxe ou independencia.

En Ask Erasmus, o protagonismo pasou ao alumnado que xa viviu unha mobilidade. Participantes con experiencias en Italia, Croacia, Portugal e Países Baixos compartiron de primeira man como foi vivir e realizar prácticas noutro país e responderon ás preguntas dos seus compañeiros e compañeiras sobre aloxamento, idioma, traballo, adaptación, economía ou vida cotiá.

A última parada, Discover your Mobility, permitiu coñecer as posibilidades de participación nos diferentes programas Erasmus+ do centro e recoller información sobre os destinos que máis interesan ao alumnado e as súas principais inquietudes de cara a unha futura mobilidade.

Máis alá de ofrecer información, a actividade permitiunos escoitar ao alumnado, coñecer os seus intereses e achegar Erasmus+ a través das experiencias reais de quen xa deu ese paso.

A valoración xeral das persoas participantes foi moi positiva e deixa claro que existe interese por seguir descubrindo as oportunidades de formación e prácticas noutros países.

Como continuidade desta primeira toma de contacto, durante a primeira semana de novembro desenvolveranse novas sesións informativas por ciclos, nas que se explicarán con maior detalle cuestións como as prazas dispoñibles, os destinos, as axudas económicas e o proceso de participación.

Porque unha mobilidade Erasmus+ é moito máis ca viaxar: é unha oportunidade para medrar profesionalmente, gañar autonomía, coñecer outras culturas, mellorar idiomas e descubrir novas formas de traballar e aprender.

Resumo de privacidade

Esta web emprega cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerte cando volves a nosa web ou axudar ao noso equipo a comprender qué seccións da web encontras máis interesantes e útiles.