Evento no «ROYAL OROZA»
O entroido e as súas celebracións por distintos puntos do mundo foron esta vez os protagonistas do evento de protocolo que cada ano ven organizando como práctica de aprendizaxe o alumnado de 2º curso dos ciclos superiores de Xestión de Aloxamentos Turísticos e de Guía, Información e Asistencia Turística.
O alumnado, a piques de rematar o seus estudos, foi quen de convertir o Liceo Casino de Pontevedra no “ROYAL OROZA”, un marabilloso cruceiro de luxo, que partindo desde Venecia, realizou durante a velada escala en Brasil, Nueva Orleáns, Notting Hill… para rematar a súa viaxe en Galicia. O cruceiro contou con divertidas actuacións, bailes, invitados sorpresa, música, e moitas curiosidades sobre os entroidos máis famosos do planeta.
A tripulación de segundo curso do Royal Oroza tivo que poñer en práctica real todas as súas destrezas e competencias adquiridas ao longo do curso para ofrecer un servizo excepcional á súa singular pasaxe: seus compañeiros de primeiros cursos e o seu profesorado. Todo e máis do que imaxinades: deseño de invitacións, minutas do menú servido por El Cafetín, colocación correcta dos convidados nas mesas, decoración, discursos, presentacións e un loooooongo etcétera que amosaron que o noso alumnado traballou moitísimo e está preparado para organizar un evento de nivel. E sempre coa máxima do noso centro, aprender facendo!!
Noraboa a todo o alumnado por este magnífico traballo, a exquisita organización e o bo ambiente que reinou durante toda a travesía a bordo do «Royal Oroza» e parabéns a Marta Abad e Pilar Novelle, profesoras responsables da organización e supervisión da práctica, polo xenial resultado do voso tempo e traballo.
Preparados para unha nova partida?